A aldea de Veigas de Camba desapareceu no 1974 anegada polo embalse das Portas, os últimos veciños abandonárona en febreiro dese ano.



Quero recordar ó noso pobo, ós seus homes e mulleres que traballaron a terra, ós que plantaron pinos no Invernadeiro, ós que traballaron no ferrocarril, ós que tiveron que emigrar... e pídovos axuda.



Se tedes fotos de Camba, agradecería moito que mas enviásedes ó correo veigasdecamba@yahoo.com .

Se alguén sae nunha foto e non quere só ten que me avisar.



10/11/09

Os carros

Catuxa.

Eu non entendo de carros...nin de vacas. Contoume meu tío Fermín que en Camba xunguíase á cabeza, as cintas atábanse ó redor dos cornos e as vacas facían forza coa cabeza. A molida (acolchada) baixáballes á cabeza.

Para baixar unha costa pronunciada cun carro moi cargado as dúas mellores vacas xunguíanse diante, levantaban a cabeza e facían que o carro baixara máis lentamente. Un pau chamado tamoncela, noutros sitios chamábanlle tirantaine, ía do carro o xugo da parella de vacas de atrás, vacas que se dirixían para axudar a frear, os cuños apertábanse contra o eixe para que rodase despacio...

Os colares das esquilas gardábanse para o brao porque no inverno as vacas traballaban muto menos e arrimábanse máis ás arbores. As esquilas eran máis luxosas, máis adornadas, máis finas. Os chocallos eran máis grandes, púñanllos no inverno. As vacas de Catuxa teñen esquilas.

Era así?

1 comentario:

  1. A tamoncela tamen valía, para unir o xungo de duas xogadas de vacas cando a carga do carro era grande ou a pendiente do terreo muin pronunciada

    ResponderEliminar